Miguelanxo Prado en Fnac A Coruña |
Miguelanxo Prado celebra un encontro cos seus lectores no forum da Fnac este venres, 28 de Maio, ás 19hs.

Coa liberdade que outorga situar a acción nun tempo futuro, Miguelanxo Prado (A Coruña, 1958) deseña neste álbum, mergullándose nas claves da ciencia ficción distópica, unha sociedade baseada no consumo e na que predominan o racismo, a corrupción e a destrución sen control dos recursos naturais.
Cun discurso duro e cruel por veces, mais non exento de certos acenos cómicos, asistimos ás teimas e obsesións de todos os seres que compoñen eses estratos tan ferreamente delimitados, desde o nivel máis baixo, o dos «proletas», ata o composto polas oito persoas que, á sombra do poder económico, controlan todos os gobernos mundiais.
Unha intelixente e funcional construción narrativa apoiada por un abraiante despregamento de recursos gráficos que segue a cativar, malia o tempo transcorrido desde a súa primeira aparición por entregas nas páxinas da revista Zona84 e posteriormente como álbum en 1987, se cadra porque estamos perante unha desas boas historias da ciencia ficción que funcionan como espello do que somos.


